Saturday 04 de May de 2024

O Portal de Interoperabilidade da Xunta incorpora os permisos para exercer a actividade pesqueira e marisqueira


Os máis de 3.700 galegos que dispoñen destes documentos acreditativos xa non terán que presentalos naqueles trámites administrativos de calquera Administración pública que os requiran

A Xunta vén de incorporar ao seu Portal de Interoperabilidade pasaXe! un novo certificado, o permiso para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, permex. Así, os máis de 3.700 galegos que dispoñen deste documento acreditativo xa non terán que presentalo naqueles trámites administrativos de calquera administración pública que os requiran.

A integración destes novos servizos formalizouse coa sinatura dun convenio entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Pasaxe! é a plataforma tecnolóxica que permite o intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán achegar documentación que xa obra en poder delas. Ademais, reduce a documentación necesaria para xestionar un expediente e unifica nun único punto as relacións con outras administracións. No último ano, Pasaxe! evitou a petición de máis de 1,8 millóns de documentos ou certificados a cidadáns e empresas para a realización de trámites administrativos.

Un total de 36 documentos integrados
Con esta nova incorporación, pasaXe! permite consultar 36 tipos de certificados como o de identidade, dependencia, a renda, datos catastrais, estar ao corrente do pagamento das obrigas tributarias, datos catastrais, títulos universitarios, certificados de nacemento, matrimonio ou defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros. Son documentos achegados por 14 entidades distintas, incluíndo a propia Xunta (Ministerios de Educación, Facenda e Administracións Públicas, Dirección Xeral de Policía, Instituto Nacional da Seguridade Social….) e a Comunidade autónoma de Navarra.

Colaboración con outras Administracións
Actualmente, a Xunta de Galicia ten a disposición de calquera Administración Pública os servizos de Título de familia numerosa autonómico e Certificado de discapacidade. Estes servizos de interoperabilidade xa foron incorporados a procedementos da Administración Xeral do Estado, outras Comunidades (Principado de Asturias) e distintos Concellos para a súa consulta.

Incorporación das entidades locais
Entre os seguintes fitos para consolidar o uso de PasaXe!, está a posta a disposición do sistema ás entidades locais. A día de hoxe están integradas as Deputacións da Coruña e Pontevedra e os Concellos de Narón, Fene, Abegondo e Laracha, que paulatinamente irán incorporando a interoperabilidade nos seus procedementos.

Aforro
O impulso da interoperabilidade enmárcase nas medidas do Plan de Goberno e Administración Dixital 2015-2020 e posibilitou no ano 2015 un aforro de máis de 7,7 millóns de euros pola redución de cargas administrativas.

A interoperabilidade entre as Administracións públicas é un elemento fundamental para consolidar unha administración que acade a tramitación electrónica íntegra do procedemento administrativo.